12 meses de loita contra a invasión do plástico
Por Redacción
Praias como a de Cabodeiro na Illa de Arousa, o Terrón en Vilanova, o areal da praia de Compostela en Vilagarcía ou a de O Xufre xa pasaron polas mans dos membros do colectivo "Ao xeito", que hai un ano decidía declararlle a guerra ao plástico e a outros residuos non naturais que aparecen nas praias do Salnés e do Barbanza.
O seu traballo céntrase en quedar unha tarde ao mes para achegarse ata algunha das praias nas que se detecte a presenza de elementos que chegan ata os areais para levar a cabo a limpeza e recollida do plástico.
Para conmemorar a actividade desenvolvida durante os últimos doce meses, esta agrupación de defensores da natureza decidiu volver achegarse este mércores 9 ás 16.00 horas pola praia na que comezaron a súa campaña de limpeza, a de Cabodeiro na Illa de Arousa.
"Ao xeito" lembra que en 2010 vertéronse ao mes unha media de oito millóns de toneladas de plástico desde 192 países con costa e anima a que os cidadáns se sumen a esta campaña.