Os nenos de Cuntis e "o mundo que queremos"
Por Redacción
Este mércores comeza unha nova edición de ‘Cooperación Galega: O mundo que queremos’, un proxecto de educación para o desenvolvemento, no que participan os alumnos de dous centros da provincia de Pontevedra, entre eles os do colexio Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis.
Esta iniciativa educativa chega a varios centros escolares galegos e pretende promover a reflexión do alumnado sobre a conexión existente entre as realidades locais e as desigualdades globais, concienciando e implicando as novas xeracións na responsabilidade que todas e todos temos na construción dun mundo máis xusto e equitativo e utilizando para iso o potencial educativo da comunicación (podcast, imaxes, música e teatro) como medio para sensibilizar e transformar.
O fío temático son os novos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), así como experiencias de medios comunitarios vinculados a proxectos de cooperación internacional que serán presentados nas aulas a través de obradoiros de radio e fotografía e representacións de pezas do chamado ‘teatro da oprimida’. Tras os obradoiros, os rapaces terán que crear os seus propios proxectos radiofónicos e fotográficos.
Todo o proceso de intercambio entre as diferentes realidades culminará na visita aos centros educativos de persoas dos países do Sur vinculadas á proxectos de cooperación para o desenvolvemento, e un encontro final intercentros no que todo o alumnado participante gozará dun concerto e amosará os traballos radiofónicos e fotográficos realizados durante estes meses de traballo.