Piden á Xunta que amplíe ata Major a mellora da PO-308
Por Redacción
Que a primeira fase do proxecto de seguridade viaria se prolongue uns 700 metros máis ata chegar á praia de Major é unha das cuestións que Gonzalo Pita, alcalde de Sanxenxo, expuxo este pasado mércores a Ethel Vázquez, conselleira de Medio Ambiente.
A concentración de establecementos hostaleiros neste tramo así como a presión de tráfico que soporta durante os meses estivais xustifica, ao entender do goberno local, a ampliación inmediata dun proxecto que foi dividido en tres fases.
Así, Gonzalo Pita explicou á conselleira que desde Soutullo, no punto quilométrico 25+200 onde conclúe a primeira fase da actuación, ata a entrada de Major, un trazado que non supera os 700 metros de lonxitude, atópanse 4 cámpings, 10 establecementos hostaleiros e 5 de lecer.
Miles de usuarios destas instalacións usan cada verán esta estrada, que tras a execución do proxecto que acaba de saír a licitación seguiría sen contar cos servizos mínimos que garantisen a seguridade dos viandantes.
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciou que o próximo ano 2016 licitarase a redacción dos proxectos para a continuación da senda ata Portonovo e a mellora de varias interseccións, polo que o goberno local considera que este tramo pode ser executado nesta primeira fase.
Ethel Vázquez comprometeuse a estudar esta posibilidade. Tendo en conta que o prazo de execución da primeira fase é de 15 meses, sería viable dispoñer do proxecto técnico que permitise executar a actuación que podería ser incluída como mellora nas ofertas que presenten as empresas.