Pedaladas denuncia 10 condutores en 6 meses de campaña de protección aos ciclistas
Por Redacción
Os dous colectivos que defenden os dereitos dos ciclistas de Pontevedra, Pedaladas e Masa Crítica, denunciaron a 10 condutores durante os seis meses que levan de campaña de control dos condutores de vehículos de motor que poñen en perigo aos usuarios de bicicletas.
As denuncias, segundo estes colectivos, realizáronse na maioría dos casos por non respectar o metro e medio de separación lateral mínima. Nalgúns dos casos, os ciclistas víronse obrigados a golpear coa súa man o vehículo para non verse atrapados contra os coches estacionados, segundo denuncian estes colectivos.
Os lugares nos que se detectaron estas infraccións foron dúas no Paseo Domingo Fontán, un na Ponte dos Tirantes, outro na PO-11, outro en Eduardo Pondal e dúas na estrada vella a Marín (PO-546) dentro do municipio de Pontevedra. Tamén se denunciaron tres casos na estrada PO-308 en Poio.
A maioría dos casos foron gravados por unha cámara na que se pode comprobar o feito denunciado, segundo sinalan desde Masa Crítica. A sanción para os condutores por estas infraccións alcanza os 200 euros e catro puntos no caso de que os adiantamentos non respecten o metro e medio de separación lateral.
Con esta campaña, estes colectivos queren chamar a atención dos condutores para que extremen as precaucións nestes adiantamentos, xa que mesmo o efecto do aire dun vehiculo de motor pode provocar a caída dos ciclistas.
No termo municipal de Pontevedra faleceron durante os últimos anos tres ciclistas en accidentes de tráfico e nos últimos 6 meses foron atropelados tres ciclistas, dous precisaron atención hospitalaria e outro leva catro meses recuperándose, segundo expoñen estas agrupacións.