Vilagarcía queda sen zona de xogos infantís na praia de Compostela
Por Redacción
O actual regulamento de Costas impide a instalación dunha zona de xogos infantís que promovera o anterior goberno do concello de Vilagarcía de Arousa para a praia de Compostela. Este proxecto queríase incluír no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial.
Así llo comunicaron desde a Xefatura Provincial de Costas aos integrantes do goberno local de Vilagarcía, que lamentou que o anterior equipo de goberno non realizase o correspondente informe sectorial antes de sacar a licitación as obras.
A obra está prohibida expresamente no artigo 61.1 do vixente regulamento de Costas nas que se indica que unicamente se poderá permitir a ocupación do dominio público marítimo-terrestre para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poden ter outra localización.
Ante esta situación, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, pedirá formalmente á Deputación que destine os 242.000 euros previstos para este proxecto a outras melloras no propio areal como a erradicación de verteduras á praia.