Varias empresas da provincia, incluídas na lista de morosos feita pública por Facenda
Por Diego Espiño
A Axencia Tributaria (AEAT) publicou este mércores unha primeira lista de debedores coa facenda pública, que inclúe a persoas físicas e xurídicas que adebedan máis dun millón de euros ao fisco.
Entre elas pódense ver personaxes de renome a nivel nacional, clubs deportivos e empresas, moitos deles crebados ou en liquidación.
Coñecidas empresas da comarca figuran nesta listaxe, sendo Clesa a que maior cantidade de débeda acumula (6.723.394 euros). Ademais atópanse no documento Sercoysa Proyectos y Obras (3.490.400 euros), Comercial Senra (2.083.038 euros), Área de Servicio Placeres (1.125.910 euros), Taelpo Telecom (2.183.162 euros), Hermanos Malvar Vázquez Construcciones (2.383.043 euros), Pirsa O Grove (1.112.406 euros), Gasóleos do Lérez (1.232.566 euros), Gasóleos de Caldas (1.053.682 euros), Promociones Gómez Leiro (1.041.518 euros), Construcción Hnos Padín Cambados (3.024.732 euros) ou Construcciones e Instalaciones Cotobad (1.769.634 euros).
Ademais destaca a presenza en canto a persoas físicas do avogado Manuel Franco Argibay, fuxido da xustiza tras ser condenado a máis de tres anos de prisión por un delito de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico e que debe ao fisco 1.587.340 euros.
Tamén chaman a atención empresas como Pescanova (4.325.461 euros), o Balneario de Mondariz (2.917001 euros) ou a xa liquidada Pórtico (4.309.656 euros).
No documento inclúese o importe conxunto das débedas e sancións pendentes de pago ao 31 de xullo de 2015 que non estean aprazadas ou suspendidas por motivos legais.
A listaxe completa de debedores pode consultarse na páxina web da Axencia Tributaria.