Down Pontevedra Xuntos celebra o 8 de xaneiro a súa tradicional gala benéfica
Por Redacción
O auditorio do Pazo da Cultura acollerá o vindeiro venres 8 de xaneiro, a partir das oito e media da tarde, unha nova edición da gala benéfica que organiza a Asociación Down Pontevedra Xuntos.
Baixo a dirección do cantante Ángel Barry, o evento converteuse nunha das iniciativas insignia que a asociación leva a cabo para recadar fondos destinados a financiar e potenciar o Servizo de Promoción de Autonomía Persoal (SEPAP).
Este programa comprende as seguintes áreas de traballo: atención temperá, inclusión educativa, formación e emprego, vida adulta e independente, expresión corporal, novas tecnoloxías e de lecer e atención a familias e campañas de sensibilización.
Tras dezanove anos ininterrompidos, a gala logrou fidelizar non só ao público pontevedrés senón a artistas que repiten edición tras edición, como é o caso do transformista Cristian ou a Orquestra Pontevedra.
Ademais dos artistas habituais, o cartel contará nesta ocasión coa participación do dúo cubano La Ricura, os cantantes Pili Pampín e Javier Araújo, o rapaz Iker -coñecido como o pequeno Raphael tras participar no programa Pequeños gigantes de Telecinco-, a charanga Compostela, Sons das Tabernas, o Mago Teto ou o grupo Skylight co violinista Antonio Seijo, antigo compoñente de Milladoiro.
O espectáculo contará unha vez máis coa activa participación dos mozos da asociación Down Pontevedra Xuntos. Nesta ocasión, o grupo de teatro Axóuxere, conformado por mozos e mozas da asociación, representará a obra Viaxe a algunha parte.
As entradas anticipadas poden adquirirse na Perfumería Tito de la Peña ou no local da asociación situado na rúa Rouco número 1. Tamén se poderán conseguir nos despachos de billetes do propio auditorio o mesmo día da gala. O seu prezo é de oito euros para os adultos e de cinco euros para os menores de 12 anos.