A cara máis solidaria dos bombeiros pontevedreses
O deste domingo non foi un día normal no parque de Bombeiros de Pontevedra. Os seus traballadores organizaran, como anos anteriores, unha xornada de portas abertas. E a acollida entre os pontevedreses foi abafadora.
Unhas mil persoas achegáronse durante esta mañá ás instalacións de Domingo Fontán para coñecer de primeira man o traballo deste equipo municipal.
Pero o máis importante era o carácter solidario desta iniciativa. O acceso ao parque foi gratuíto para todos os que quixeron ir ata alí, na súa maior parte familias con nenos pequenos, pero a cambio o corpo de Bombeiros solicitou que achegasen alimentos non perecedoiros que, posteriormente, ían ser entregados a entidades benéficas.
Tal foi a resposta da cidadanía que, desde o parque aseguran que nesta ocasión multiplicouse por catro a recadación en alimentos e xoguetes do pasado ano. Tanto que apenas collía o material doado no ximnasio das instalacións, cheo ata os topes da solidariedade dos pontevedreses.
Todo o recadado nesta xornada será entregado á Rede Axuda do Concello de Pontevedra e á ONG Boa Vida.
Aproveitando a presenza de centos de persoas ao longo de toda a mañá, os bombeiros pontevedreses fixeron unha demostración do seu traballo ensinando, especialmente aos máis pequenos, a usar unha mangueira, como se conduce un camión, que tipo de material utilízase para apagar os incendios ou, mesmo, mostrando como realizan unha intervención nun coche sinistrado no que hai que excarcerar ás vítimas.