Marín pide 35.000 euros á Deputación para financiar diversos actos deportivos e turísticos
Por Redacción
O Concello de Marín solicitou á Deputación de Pontevedra 35.000 euros con cargo ao Plan de Acividades Municipal para axudar a sufragar diversos actos deportivos e turísticos ao longo de 2016.
En concreto, a Xunta de Goberno local pediu axudas para a V Carreira Popular + 10 Marín-Manuel Rosales para a que solicita 5.000 euros; idéntica cantidade para a XIX Milla Urbana San Miguel de Marín; mentres que para a Copa Galicia de Ximnasia Acrobática a axuda solicitada é de 2.000 euros.
Para o torneo de seleccións autonómicas de mini basket que se celebrará nesta vila a cantidade é de 7.000 euros.
Ademais o Concello presentou a proposta dunha axuda de 10.000 euros para a V edición da Festa Corsaria Gago de Mendoza; mentres que para a II Marín Atlantic Open- World Cup Standard+Open Latino de bailes de salón, a cantidade ascende a 6.000 euros.
O goberno local entende que é "unha aposta clara polos eventos deportivos que significan unha achega moi importante para o comercio, a hostalería e para a dinamización ao redor de actividades que moitas delas van dirixidas a todos os públicos e xeran un interese moi importante entre a poboación, do mesmo xeito que se aposta pola Festa Corsaria no verán tratando de consolidar un evento que cada ano debe mellorarse con máis actividades, ambientación e participación".