Convocan as federacións veciñais a unha xuntanza no Concello sobre participación cidadá
Por Alejandro Espiño
As federacións de veciños Castelao, Teucro e Boa Vila foron convocadas a unha reunión que se celebrará no Concello de Pontevedra o vindeiro venres 15 de xaneiro, ás seis e media da tarde, para presentarlles o informe que elaborou o secretario do Pleno sobre a necesaria reforma do regulamento de participación cidadá, que data do ano 1999.
Segundo avanzou o concelleiro de Réxime Interior, Vicente García Legísima, trátase do informe que el mesmo comprometeuse a solicitar aos técnicos municipais e que, por motivos do propio funcionamento do servizo, o goberno municipal tardou cinco meses en ter nas súas mans.
Tras presentarllo aos partidos da oposición, que ultiman o seu propio borrador para a aprobación dun regulamento de participación cidadá, farase o propio coas federacións veciñais para que sexan partícipes e colaboren con este proceso. A próxima semana, ademais, haberá unha nova reunión con PP, PSdeG-PSOE, Ciudadanos e Marea sobre este asunto.
Xunto con permitir a participación dos cidadáns nos plenos, asunto sobre o que segundo García Legísima o goberno municipal "está totalmente a favor", o informe do secretario conclúe que é necesario adaptar a normativa vixente ás circunstancias actuais do Concello e resolver así as "lagoas" e "deficiencias" que presenta a estas alturas, "preferiblemente" cun novo regulamento.
Ademais, nesta mesma comisión de Réxime Interior ditaminouse favorablemente -coa abstención do BNG- a moción presentada por Cidadáns sobre o grao de cumprimento das mocións aprobadas no Pleno. A partir de agora, explicou García Legísima, informarase mensualmente sobre o seguimento destas iniciativas debatidas en pleno e, de forma trimestral, darase conta diso no pleno da corporación.
Tamén se informou da incorporación de seis novos traballadores municipais nos próximos días.
Serán tres operarios, un para o parque móbil e dous para o servizo de obras, que se incorporarán como interinos o 1 de febreiro para cubrir vacantes; e tres subalternos, un interino e dous contratados por seis meses pola sobrecarga do servizo de ordenanzas do concello, que empezarán a traballar este xoves
Deuse inicio, ademais, ao proceso de contratación doutros dous operarios máis, un interino para o servizo de xardíns e outro por acumulación de tarefa no de cemiterios.
Relacionadas:
-
Os veciños preparan as súas achegas ao regulamento de participación cidadá da oposición
Por Oskar Viéitez |
-
Ciudadanos acusa de plaxio a Marea Pontevedra
Por Redacción |
-
O borrador do regulamento de participación cidadá da oposición, listo a próxima semana
Por Alejandro Espiño |
-
As tres federacións veciñais esixen poder intervir na elaboración do Regulamento de Participación Cidadá
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |