Detida por roubar nun local e ferir a unha empregada que a sorprendeu 'in fraganti'
Por Redacción
A Policía Nacional detivo unha veciña de Pontevedra como presunta autora dun delito de roubo con violencia tras ser sorprendida polos empregados dun negocio pontevedrés, intimidalos e empuxar a unha delas causándolle feridas nas mans.
Segundo informou a Policía Nacional, a detida é unha muller de 42 anos con múltiples antecedentes policiais e por estes mesmos feitos identificouse a un home, parella sentimental da primeira e tamén veciño de Pontevedra. Ten 44 anos e antecedentes policiais.
Os feitos ocorreron o sábado 30 de xaneiro nun establecemento comercial da avenida de Lugo. A muller estaba a tentar furtar diversos obxectos cando a sorprenderon os traballadores e ela reaccionou intimidándoos e agredíndoos. Tras estes feitos, desde o local chamaron á Policía Nacional, que a detivo e trasladou á Comisaría Provincial.
Tras a detención, os axentes realizaron unha batida polas inmediacións e localizaron a un individuo que respondía as características físicas da parella da detida e levaba encima unha bolsa con obxectos pertencentes á tenda en cuestión. Estaban valorados nun total de 201,45 euros.