Un último paso para formar cidadáns "activos e independientes"
Por Alejandro Espiño
Pontevedra conta, probablemente, coa vivenda tutelada para mozos en risco de exclusión social "mellor equipada" que ten a Xunta de Galicia nas grandes cidades galegas. Así o sinalou o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, durante a visita que fixo este mércores a este piso duns 300 metros cadrados e situado nunha céntrica rúa da cidade.
Este servizo residencial está dirixido a aqueles rapaces de entre 16 e 21 anos, que estean ou estivesen baixo tutela ou garda da administración pública, ben por medidas xudiciais ou ben porque son usuarios dalgún outro programa de inserción social.
En determinados casos, coma nos que os usuarios estean a realizar estudos universitarios, poden continuar no programa ata os 25 anos.
O obxectivo do programa Mentor é preparar aos mozos en risco de exclusión social para a vida independente.
A característica "principal" de estos mozos, segundo Carlos Rosales, director desta iniciativa, é que "non teñen familia" e é a administración a encargada de crear "cidadáns activos, con plenos dereitos e deberes".
O primeiro que se fai é un proceso de inserción laboral e, ao mesmo tempo, un traballo de "autonomía e independencia na vida cotiá" fomentando todos os elementos que "cremos fundamentais para que sexan independentes cando nós non estemos con eles".
A vivenda tutelada de Pontevedra ofrece un total de oito prazas, das que catro están ocupadas actualmente e se espera que proximamente reciba novos inquilinos.
Conta con 19 dependencias entre as que destacan catro baños, un aseo, unha cociña-comedor, dúas salas de estar, unha sala de estudo e cinco dormitorios -un deles para o titor que está permanentemente cos rapaces- para que os usuarios poidan ter o seu espazo e ao mesmo tempo estancias nas que interactuar co resto de mozos que habitan a vivenda.
Como parte do proceso de adaptación á vida independente, na vivenda tutelada realízase unha intensa intervención educativa, formativa e de desenvolvemento, que dota aos usuarios de habilidades persoais e sociais necesarias para lograr a emancipación "sendo eles os que dirixen a casa e fan todas as tarefas".
Ademais, proporciona aos participantes a capacitación para o acceso aos servizos de colocación, de formación e de busca de emprego.