Declaración de ruína, si; rehabilitación?... depende
Por Alejandro Espiño
O edificio entre A Ferrería e Michelena que quedou devastado polo lume será declarado como ruína. Así o confirmou a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, que avanzou que, de acordo coa Xunta de Galicia -a través da Dirección Xeral de Patrimonio- axilizaranse todos os trámites para aprobar este trámite.
Esta declaración de ruína obrigará aos donos do inmoble a garantir a súa seguridade "para que non haxa problemas cos edificios lindeiros", segundo explicou a edil do BNG, nin con calquera cidadán que pase polos seus arredores.
É dicir, os seus propietarios terán que realizar as tarefas necesarias para apontoar a estrutura do edificio para evitar que se esborralle e facer as reformas que se consideren oportunas para que non sexa un perigo para a seguridade de terceiros.
Se estes non asumen eses traballos, o Concello pode asumilos de oficio e, posteriormente, reclamar o custo aos seus propietarios, tal e como sucedeu recentemente co edificio que caeu na praza da Verdura.
Pero, en cambio, esta declaración non implica a súa rehabilitación nin que o edificio recupere o seu estado orixinal a curto, medio ou longo prazo. Iso dependerá dos seus actuais propietarios, xa que o Concello, segundo Carme da Silva, "non ten a capacidade para obligarlles a facela".
No caso de que decidan rehabilitalo, en todo caso, terán que respectar a estrutura orixinal da fachada que dá á praza da Ferrería, porque conta cunha protección patrimonial moi esixente. Así, por exemplo, habería que recuperar a estrutura interior de madeira ou a galería exterior que desapareceu por efectos do lume.
Todo este trámite está pendente de iniciarse, a expensas do informe dos Bombeiros e da Policía Científica sobre as causas e a orixe do incendio. Por agora, lembrou Carme da Silva, non existe ningún informe oficial a este respecto e entende que será "moi difícil" aclarar estas cuestións porque ao colapsar o inmoble é "complicado" determinalo a través das investigacións e peritaxes que se están realizando estes días.
Relacionadas:
-
O PP pedirá explicacións ao 112 no Parlamento polo incendio da Ferrería
Por Oskar Viéitez |
-
Os cascallos do edificio da Ferrería impiden á Policía Científica avanzar na investigación do incendio
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Axentes da Policía Científica desprazaranse desde Madrid para aclarar a orixe do incendio
Por Natalia Puga |
-
A Policía Científica constata a complexidade de determinar as causas do incendio
Por Natalia Puga |
-
A reactivación de "pequenos focos" durante a noite obriga a intervir de novo aos bombeiros
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Un edificio de dous séculos reducido a isto
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |