CC.OO logra a maioría sindical no Concello de Sanxenxo e esixe un novo convenio
Por Redacción
Comisións Obreiras foi a central sindical que saíu vitoriosa das eleccións celebradas no Concello de Sanxenxo. Un total de dez dos dezaoito delegados electos pertencen a este sindicato, fronte aos seis de CIG e dous que se presentaban como independentes, segundo destacou a formación nun comunicado.
En total, nos últimos días elixíronse tres delegados do persoal funcionario, cinco do persoal laboral, nove do organismo autónomo Terra de Sanxenxo e un de Nauta Sanxenxo.
Tras este resultado, desde CC.OO lembran que o convenio colectivo atópase denunciado desde setembro de 2015. Os traballadores están á espera de que se constitúa a comisión negociadora para que o novo documento sexa de aplicación a todos os empregados do Concello de Sanxenxo.
Pero o sindicato lamenta que o goberno municipal "non mostrase interese" por estas negociacións das condicións de traballo dos seus empregados, unha cuestión que "criticaban" cando estaban na oposición "e agora tratan de mirar para outro lado".
Nos últimos tempos, denuncia CC.OO, en Sanxenxo está a producirse unha "preocupante escalada" no recorte de dereitos laborais como a imposición do período de vacacións ou a negativa para recoñecer o dereito ao goce dos días de libre disposición.
Despois de reunirse "sen resposta" coa concelleira de Persoal, CC.OO esixe ao goberno municipal que inicie "de inmediato" a negociación do convenio colectivo e "respecte" os dereitos dos seus traballadores.
Relacionadas:
-
Comisiones Obreras demandará o Concello de Sanxenxo por negociación ilegal
Por Anxo Lourido |
-
Comisións Obreiras impugnou os orzamentos do concello de Sanxenxo por "palmaria ilegalidade"
Por Redacción |
-
Ven indicios de "prevaricación" no acordo laboral do Concello de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo equipara o persoal laboral cos funcionarios, sen o apoio de CC.OO.
Por Redacción |