Cuntis entoa a súa particular oda ao lacón con grelos
Por Redacción
A XIX Festa do Lacón con Grelos de Cuntis despachou 1.600 racións deste prato tradicional.
Lamentablemente non foi só o lacón o que permaneceu durante varias horas na auga para quitarlle o sal, a choiva tamén puxo a remollo abundantemente aos veciños que tiveron que buscar refuxio baixo carpa no Espadenal para dar conta do contundente menú, perfecto para un domingo frío.
A meteoroloxía tamén afectou o desfile do Entroido, celebrado este sábado como unha festa concentración baixo teito, e á quinta ruta de bicicleta de montaña.
A cita gastronómica, cuxo pregón correu a cargo de Aldaolado, incluíu outros atractivos como unha nova edición da exposición "A camelia no lacón con grelos", mostra fotografías sobre a historia local nos Lavadorios, de pezas de cerámica de Castrolandín, de Motos Velosolex, ou de artes de caza antigas, na Casa da Cultura.
Ademais. as Palilleiras do Lacón con Grelos fixeron unha exibición dos seus traballos de encaixe.
E por suposto, houbo música a cargo da orquestra de acordeóns Arousa Bay, de Vilagarcía, e o Folión e Boteiros de Vilariño de Conso (Ourense), da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional, do grupo Odaiko e da Banda Infantil da Escola Municipal.
A festa terminou en 'traxedia' co enterro do Chapante.