Poio pon en marcha o proxecto de busca activa de emprego "Senda 2016"
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Promoción Económica do Concello de Poio, Gregorio Agís, presentou este luns un proxecto de coxeración de oportunidades empresariais, laborais e de emprendemento, denominado "Senda 2016".
Gregorio Agís, acompañado de María José Suárez, axente de emprego e desenvolvemento local, Raquel Pedrouso e Mariém Filqueira da empresa de apoio, asistencia técnica Evolutia, explicou que o proxecto Senda é un conxunto de actuacións que nace con obxectivo de incorporar a innovación nos procesos de aprendizaxe coa finalidade de achegar novos modelos e maneiras de facer.
Vai dirixido aos diferentes axentes sociais involucrados no eido da inserción laboral e desenvolvemento económico local: demandantes de emprego, empresas e novos emprendedores.
As persoas na procura de emprego precisan potenciar e desenvolver competencias que melloran a súa empregabilidade como o optimismo, a capacidade para traballar en equipo, a colaboración, a intelixencia emocional e maiores competencias dixitais.
Por outra banda, as empresas e emprendedores teñen a oportunidade de modernizar os seus modelos de traballo e de negocio achegándose a novas formas de facer e inovar, mellorar as relacións cos clientes, achegarse as novas tecnoloxias, xerar sinerxías e participar en ecosistemas de colaboración .
O programa está dirixido a 20 profesionais en situación de busca activa de emprego, empresarios ou emprendedores que teñan unha idea a poñer en marcha.
"Ao longo de dous meses traballarase o talento das persoas e a innovación nas empresas, e impulsaremos proxectos emprendedores a través dun proceso motivador e libre, onde as persoas participantes compartirán os seus coñecementos e onde se acompañarán mutuamente na procura de novas formas de buscar emprego ou mellorar o seu negocio", salientaron.
Os interesados poden inscribirse nas dependencias do Concello de Poio e na páxina web do Concello www.concellopoio.es. Máis información e inscricións no teléfono 986770001 extensión 1206 ou no mail promocioneconomica@concellopoio.org.