Inician os trámites para construír un novo campo de fútbol en Salcedo
Por Diego Espiño
O Concello de Pontevedra iniciou os trámites para tentar construír un novo campo de fútbol en Salcedo ao aceptar como boa a proposta na que traballaba desde hai varios meses o club deportivo da parroquia, a Sociedade Cultural Deportiva Salcedo.
A intención pasa por adquirir unha parcela de 14.500 metros cadrados "no núcleo de centralidade da parroquia, xunto ao colexio e o pavillón" de Cabanas, explicou o concelleiro Demetrio Gómez Junquera.
"Salcedo é un caso especial, é unha parroquia moi poboada, está moi ben comunicada e ese campo de fútbol vai permitirnos dar servizo non só aos veciños da parroquia", sinalou o edil antes de detallar a complexidade do proxecto.
Os terreos nos que se situaría este novo campo de fútbol, de céspede artificial, pertencen actualmente a 26 propietarios privados, dos cales dous non quererían vender aínda que "como son extremeiras moi pequenas poderiamos prescindir delas".
Para poder facer efectiva a compra e impulsar o proxecto, o goberno local pon dúas condicións, un informe arqueolóxico favorable tras unha escavación que financiará o propio Concello, e que "todos os propietarios estean dacordo en vender".
Gómez Junquera estima que a compra destes 14.500 metros cadrados de terreo "roldaría os 180.000 euros", coa intención de poder realizar a operación antes de que finalice o ano. Se isto sucede, poderíase elaborar o proxecto construtivo e as obras poderían comezar durante 2017.
O próximo paso do Concello, segundo explicou o edil, será pedir permiso aos propietarios, moitos deles presentes no Concello Parroquial no que se discutiu a proposta, para realizar a escavación arqueolóxica que descarte restos de "gravados ou petróglifos" e para medir con exactitude as parcelas afectadas.
A construción dun novo campo de fútbol en Salcedo é unha vella reivindicación dos veciños da parroquia, co club deportivo á cabeza, ante o mal estado e os problemas urbanísticos da instalación do Casal, e enmárcase dentro dos plans do Goberno Local para crear unha rede municipal de campos de herba sintética no rural pontevedrés.
Relacionadas:
-
Salcedo deberá buscar novos terreos para o seu campo de fútbol
Por Alejandro Espiño |
-
Recta final dos traballos arqueolóxicos previos á construción do campo de fútbol de Salcedo
Por Redacción |
-
En marcha un plan de obras no rural con mais de 60 actuacións
Por Redacción |
-
Contratan os arquitectos Santos e Mera para a reforma dos campos de fútbol de Cerponzóns e Xeve
Por Redacción |
-
Unha rede municipal de campos de fútbol de herba sintética, novo reto para o rural pontevedrés
Por Alejandro Espiño |