O ceo pontevedrés dará unha tregua de chuvia ata o xoves
O ceo pontevedrés proporcionará durante este primeiro terzo da semana xornadas de prórroga en relación ás grandes precipitacións vividas hai uns días. Desta maneira predominarán as nubes e claros con escasas precipitacións, esperadas para a tarde deste luns 22 de febreiro e mércores 24.
As temperaturas tamén nos deixarán variacións aínda que non moi notables xa que durante estes días terán lugar "mínimas que ascenderán moderadamente e máximas que descenderán lixeiramente" segundo as predicións de MeteoGalicia, con mínimas de entre 6 e 10 graos e máximas que poden alcanzar os 14 graos durante a xornada do martes.
O xoves é o punto de inflexión, xa que a partir de aí espérase un empeoramento das condicións meteorolóxicas. Por tanto, o tempo estará representado por "vento do norte, algunha chuvia ocasional e baixada de temperatura".
O mal tempo xeneralizado protagonizará o último terzo da semana e o comezo da fin de semana pola chegada dunha borrasca que causará fortes refachos de vento e intensas precipitacións. As temperaturas, tamén afectadas pola meteoroloxía, descenderán con respecto a estes días, con mínimas de 7 graos e máximas que oscilan entre os 12 e 13 graos.