O Sergas controlou por teléfono a 19.000 pacientes tras ser operados o pasado ano
Por Redacción
O persoal de enfermaría de Atención Primaria da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés atendeu, no pasado ano 2015, a preto de 19.000 persoas no marco do programa Conecta 72.
Este servizo, iniciado no mes de abril do pasado ano, permite facer efectiva unha mellora na continuidade dos coidados, dentro das 72 horas posteriores á alta nos pacientes que foron ingresados nos hospitais da área sanitaria.
Entre abril e decembro, un 83 % do total dos pacientes dados de alta hospitalaria en Pontevedra e O Salnés, foron atendidos pola súa enfermeira de familia dentro do programa Conecta 72.
Coa posta en marcha do programa Conecta 72, o seguimento dos pacientes dende as consultas de enfermaría de Atención Primaria permite mellorar a capacidade de detección de problemas asociados coa alta hospitalaria. Non é necesario solicitar o servizo xa que, de forma automática, cada vez que se dá o alta a un paciente nun dos hospitais da área rexístrase unha consulta na axenda da enfermeira que lle corresponde no seu centro de saúde.
Nun prazo non superior ás 72 horas, o paciente recibe unha chamada coa que se inicia o seguimento da súa evolución.
Relacionadas:
-
Destinan 2,5 millóns para comprar material cirúrxico para os hospitais de Coruña e O Salnés
Por Redacción |
-
Os pacientes do CHOP teñen que esperar para ser atendidos a metade de tempo que o resto dos galegos
Por Oskar Viéitez |
-
O centro de saúde de A Parda participa de xeito piloto nun novidoso programa de enfermaría
Por Oskar Viéitez |