Máis de 2.000 euros de multa por cargarse un farol
Por Oskar Viéitez
A xunta de goberno do Concello de Pontevedra deu conta este luns dunha sentenza que condena a un cidadán para pagar 2.029,44 euros polo arranxo dun farol.
Os feitos xulgados tiveron lugar ás 23.15 horas do pasado 23 de xaneiro cando unha persoa que ía conducindo pola rúa Fernández Ladreda chocou contra un farol da iluminación pública.
Esta persoa conducía baixo os efectos do alcol polo que foi condenado por un delito contra a seguridade no tráfico a 22 días de traballos sociais, 8 meses de retirada do permiso de conducir e a abonar solidariamente coa súa compañía de seguros, o arranxo do farol.
COCHE POLICÍA LOCAL
Tamén informou a xunta de goberno doutra sentenza xudicial. Neste caso tratouse dunha persecución policial ocorrida o 17 de febreiro do ano 2014.
No transcurso dunha persecución polas rúas de Pontevedra resultou danado un dos vehículos da Policía Local que colaboraba coa Garda Civil.
O condutor fuxido foi condenado a seis meses de prisión e dous meses de privación do carné de conducir, ademais do pago do arranxo de coche patrulla estimado en 537 euros.