En Marea rexeita a "chantaxe" do PSOE coa proposta de "revisar" a prórroga de ENCE
Por Oskar Viéitez
A portavoz no Congreso de En Marea, Alexandra Fernández, considera que o documento enviado "a última hora" para tratar de solicitar o apoio dos seus seis deputados para a investidura de Pedro Sánchez non é máis que "unha tomadura de pelo" e unha "chantaxe" para tentar "comprar" os seus votos.
A portavoz de En Marea detallou que a proposta dos socialistas inclúe "revisar" a prórroga da fábrica de ENCE na ría de Pontevedra e algunhas ofertas para os estaleiros, o sector lácteo e mesmo as cotas de xurelo e caballa.
Para Fernández as propostas esbozadas polo PSOE "son xeneralidades que non se concretan en nada". "No caso de ENCE é máis do mesmo. No canto de anunciar que non se cumpra a prórroga, o que nos fala é dunha posible revisión", lamentou.
"No canto de anunciar que non se cumpra a prórroga, o que nos fala é dunha posible revisión", lamentou
De feito, criticou que no acordo asinado a semana pasada entre o PSOE e Cidadáns non se menciona este aspecto, sobre o que o partido de Albert Rivera xa se situou, negando "a derrogación da prórroga de ENCE".
DOCUMENTO DE 17 PÁXINAS
Os socialistas ofrecen estas medidas á marca galega de Podemos nun documento de 17 páxinas (VER DOCUMENTO) coa fin de que apoien esta semana a investidura do seu secretario xeral, Pedro Sánchez.
No acordo asinado entre o PSOE e Ciudadanos, falábase de recuperar os prazos de protección do dominio público marítimo terrestre da Lei de Costas de 1987. Os socialistas queren que se impulsen plans de rexeneración das rías e do resto do literal galego.
Ademais de En Marea, o PSOE enviou un documento titulado Ofrecemento do PSOE ás demais formacións políticas progresistas e de esquerda a Podemos, Compromís, EU-Unidade Popular e En Comú Podem.
Relacionadas:
-
En Marea presenta no Congreso unha iniciativa solicitando que se anule a prórroga a ENCE
Por Redacción |
-
A Xunta ten con Elnosa o "mesmo posicionamento" que con ENCE: son "determinantes" para Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Miles de persoas claman contra ENCE en Pontevedra: "A ría é nosa e non de Celulosa"
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
O balcón do Concello volve falar: "Ence fóra da ría para sempre"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |