Unha condutora kamikaze provoca un accidente con outros tres coches e catro feridos
Por Natalia Puga
Unha condutora kamikaze circulou en sentido contrario ao permitido pola estrada PO-10 na tarde-noite deste martes e acabou ocasionando un accidente con tres vehículos máis implicados e catro persoas feridas. A estrada é a que comunica a N-550 no Nó do Pino coa autovía de Marín e o acceso á autoestrada AP-9.
Todo ocorreu sobre as 20.10 horas. A condutora, de idade avanzada, accedeu ao viario pola zona do nó do Pino e circulou en sentido a Marín, pero polo carril contrario, de modo que chocou con tres vehículos que circulaban pola calzada.
A consecuencia do accidente, catro persoas resultaron feridas con carácter leve e necesitaron asistencia sanitaria de efectivos de Urxencias Médicas de Galicia 061.
Tamén foi necesaria a intervención de efectivos da Garda Civil de Tráfico, que regularon a circulación de vehículos polo viario afectado e abriron unha investigación para aclarar o sucedido.