A "cidade dos nenos" acolle a visita dos alumnos do IES Milladoiro
Moitas son as visitas que se suceden nos últimos anos á cidade do Lérez para coñecer o premiado modelo de mobilidade, desde representantes doutros gobernos locais, como o de Lugo ou Santiago, ata visitas didácticas de diversos centros educativos.
Así, preto de 60 alumnos do IES Milladoiro de Santiago de Compostela chegaron a Casa das Campás, onde foron recibidos polo concelleiro de Mobilidade, Luís Bará, o intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, e o coordinador de Educación Viaria da Policía Local, Antonio Duarte. Alí, alumnos e alumnas de primeiro de educación secundaria escoitaron con atención como a cidade foi evolucionando aos poucos.
O proceso de peonalización do centro histórico, a habilitación de prazas para que os nenos poidan xogar ou os diversos premios recibidos foron tan só algunhas das pinceladas ofrecidas por Bará ante o seu publico, e acompañadas con fotografías do antes e o despois das obras realizadas.
Ao remate, tocou a quenda de preguntas; algunhas fixeron referencia a multas ou límites de velocidade, outras a casos de secuestros, que desconcertaron en certo xeito ao edil e a ambos os policías. Pero non todo ían ser discursos. Achegábanse as once da mañá e tocaba saír a ver por eles mesmo o modelo de cidade que minutos antes lles describían.
Os alumnos do IES Milladoiro tiveron a oportunidade de visitar o Centro de Interpretación das Torres Arcebispáis (CITA). Desde alí, trasladáronse ata a praza da Peregrina. Durante o camiño, os alumnos, curiosos, manifestaron as súas dúbidas e mesmo protestas cando Bará explicou que alumnos do IES Valle Inclán gozaban do seu tempo de recreo pola cidade. O percorrido continúo cara á fonte dos nenos, para terminar na praza da Peregrina.
Duarte e Macenlle tomaron o relevo de Bará para conducir aos sesenta adolescentes santiagueses cara á sede da Policía Local. Alí, o coordinado de educación viaria explicoulles o labor de prevención realizada polo corpo policial como, por exemplo, o control dos camiños escolares.
Pola tarde, os alumnos e alumnas do IES Milladoiro visitarán Campo Lameiro, para saber un pouco máis acerca da prehistoria no Parque Arqueolóxico.