Repartición de axudas entre as entidades benéficas de Marín
Por Oskar Viéitez
O convenio de colaboración a asinar entre as entidades benéficas e o Concello de Marín foi estudado na última reunión mantida polos integrantes do Programa Banco de Alimentos que se desenvolve no municipio marinense desde o ano 2010.
Segundo informou a concelleira delegada de Servizos Sociais, Marian Sanmartín, o convenio de colaboración está destinado a financiar aqueles gastos de funcionamento e mantemento no que incorren as entidades benéficas para o normal desempeño das súas funcións sociais.
Tendo en conta o número de persoas atendidas ao longo de exercicio económico 2015 a repartición queda:
- Comedor, 270 persoas atendidas diariamente (subvención de 5.000 euros)
- Cáritas Marín, 365 persoas, (3.000 euros)
- Asociación Benéfica SOS Marín, 300 persoas, (2.000 euros)
- Acción Solidaria Sor Elvira, 200 persoas, (1.500 euros)
- AMENAC, 180 persoas (1.500 euros)
- Cáritas Santo Tome de Piñeiro, 42 persoas (500 euros)
Ademais acordouse que o Concello siga desenvolvendo o plan de apoio con produtos de hixiene persoal e doméstico, de aplicación mensual segundo número de compoñentes da unidade familiar, a unidades de convivencia seleccionadas con igual criterios que as derivadas ao programa Banco de Alimentos.
COLECTORES ROUPA
Ademais mantense colaboración entre Cáritas Diocesana e Concello de Marín, para a instalación de colectores de roupa que serán reutilizadas para o seu uso e venda ao público, en establecementos especiais e cuxo proxecto, denominado "Aroupa" serviu como medio de reinserción laboral a 15 persoas en risco de exclusión social.
Por último acordouse brindar información sobre o procedemento de obtención do certificado por delitos de natureza sexual, un documento esixible a todo aquel persoal que cuxo traballo implique contacto habitual con menores.
A próxima reunión dos participantes neste programa foi fixada para o 7 de xuño no salón de comisións do Concello.