Unha sentenza urbanística ameaza con "estrangular" as arcas municipais de Barro
Por Alejandro Espiño
Unha sorpresa desagradable atopouse o goberno municipal de Barro nos últimos días. Un proceso xudicial iniciado polo anterior alcalde, do que descoñecían a súa existencia, en relación a unha expropiación no núcleo de San Antoniño, obriga ao Concello a abonar preto de 350.000 euros a un veciño que foi desafiuzado. E esa cantidade de diñeiro ameaza con "estrangular" as arcas municipais, segundo avanzou o alcalde.
Todo se remonta ao ano 2007. A promotora pontevedresa Vivendas Caselas fíxose con máis de 80% do ámbito urbanizable en torno ao Pazo da Crega, pero un dos propietarios -que posuía parte do pazo e un terreo de 3.000 metros cadrados- non quixo vender nin tampouco entrar na xunta de compensación para repartirse os beneficios posteriores desta promoción inmobiliaria.
O Concello, obrigado pola Lei do Solo, aprobou a expropiación forzosa deses terreos, polos que se pagaron máis de 270.000 euros. Pero o tribunal de expropiación elevou o xustiprezo ata os 522.000 euros.
En circunstancias normais, a empresa como beneficiaria destes terreos debería sufragar os 245.000 euros máis intereses -superiores aos 100.000 euros- que quedan por pagar, pero actualmente atópase en concurso de acredores e o Supremo condenou ao Concello, como responsable subsidiario, a que abone a indemnización ao afectado.
"Imos revolvernos o que faga falta" contra esta decisión porque "non queremos quedarnos con cara de parvo", di o alcalde
"Aquí alguén meteu a pata", sinalou en rolda de prensa Xosé Manuel Fernández Abraldes, que non quixo responsabilizar ao anterior executivo máis aló de non informar nin á oposición nin aos veciños da existencia deste recurso ante o Tribunal Supremo.
Esta situación, explicou o alcalde, "te deixa coas mans atadas" xa que a cantidade para pagar sería máis do triplo do diñeiro que, anualmente, destínanse a investimentos propios en Barro -uns 100.000 euros-. Ademais, afirmou que "non é normal" que sexan os veciños de Barro os que afronten un pago que corresponderían aos beneficios da empresa promotora ou aos bancos que agora posúen eses terreos tras embargalos.
A sentenza, segundo Fernández Abraldes, é "incomprensible", xa que o Concello de Barro non ten nada que ver con esta promoción inmobiliaria. Por iso, avanzou que "imos revolvernos o que faga falta" contra esta decisión porque "non queremos quedarnos con cara de parvo", ao ter que pagar ese diñeiro e nin sequera poder quedar cos terreos expropiados.
Así, están a estudarse xa as accións que adoptará o Concello de Barro, pola vía xudicial cun posible recurso de amparo ante o Supremo ou un recurso ante o Constitucional e pola vía política con reunións "a todos os niveis" para resolver esta situación.