Cotobade aproba un plan de obras por 400.000 euros para actuar en catro parroquias
Por Redacción
O Concello de Cotobade aprobou o seu primeiro Plan de Obras 2016, que terá un importe de 402.325 euros e incluirá actuacións en catro parroquias. Entre outras actuacións, realizarase unha actuación para o acondicionamento da Casa Consistorial de Carballedo. Destinaranse 41.137 euros ao peche da terraza e a adecuación dos aseos.
A obra de maior importe será a mellora da seguridade vial no acceso ao lugar de Vila de Riba, en Santa María de Sacos, que terá un orzamento de 154.026 euros, segundo informou o Concello a través dun comunicado.
Na parroquia de San Xurxo de Sacos actuarase no núcleo de Fontán, coa reposición de viais -cun orzamento de 57.076 euros- e no lugar de Fentán, onde se acometerá o acondicionamento e a pavimentación da pista municipal por 110.189 euros.
Na parroquia de Caroi construirase un parque infantil con elementos biosaudables para nenos e maiores cun importe de 39.895 euros.
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción polas actuacións aprobadas, xa que "responden ás demandas veciñais e atenden ás principais prioridades detectadas polo goberno en distintos puntos do concello".