Poio instala paneis polo municipio para evitar carteis e anuncios no mobiliario urbano
Por Redacción
O Concello de Poio declaroulle a guerra aos anuncios e notas que ensucian o mobiliario público. Así, o goberno municipal optou por instalar paneis en diferentes puntos do municipio para que sexan utilizados como taboleiros por parte dos veciños.
O obxectivo, segundo sinalan desde a Concellería de Medio Ambiente, é mellorar a limpeza e ornato nos bens públicos como as marquesiñas, farois e demais mobiliario urbano.
A experiencia piloto tivo lugar durante o verán pasado coa instalacións de varios paneis nas inmediacións do trazado da PO-308 ao seu paso por A Barca, Porteliña, Combarro, Samieira e Raxó, obtendo como resultado a diminución da colocación de anuncios sobre o mobiliario urbano.
Así, nas últimas semanas colocáronse novos paneis nos lugares de Lourido, Sartal, Vilariño, Muiño e Liñares.
Só aí poderán os veciños, a partir de agora, colocar anuncios ou notas que doutro xeito terminan afeando e ensuciando o mobiliario urbano.