Detidos in fraganti cando trataban de acceder ao interior dun bar de Pintor Laxeiro tras forzar unha xanela
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional detiveron dous homes de 20 e 26 anos de idade, veciños de Pontevedra, con antecedentes policiais, como presuntos autores da tentativa de roubo con forza nun bar da capital.
Os feitos sucederon sobre as 02:15 horas deste martes día 29 de marzo.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría de Pontevedra, un cidadán chamou á Policía ao ver como dous mozos tentaban entrar a roubar nun bar da rúa Pintor Laxeiro.
Ao lugar desprazouse inmediatamente unha dotación policial observando como dous homes que coincidían coas características físicas e de vestimenta, incluídas as carapuchas (achegadas por unha testemuña), estaban a ser nese momento identificados por unha dotación da Policía Local.
Os axentes comprobaron que unha xanela exterior que daba acceso ao establecemento de hostalería atopábase aberta e co sistema de apertura forzado, aínda que os autores do intento de roubo non conseguiran entrar ao local.
Aos presuntos autores interviñéronselles unha lanterna e un desaparafusador.
Unha vez detidos e finalizado o correspondente atestado os dous individuos foron postos a disposición da Autoridade Xudicial como presuntos autores do intento de roubo.