Deteñen a catro mozos da Illa de Arousa polo roubo con violencia a un taxista
Por Redacción
A Garda Civil detivo catro mozos veciños da Illa de Arousa, de idades de 19 a 20 anos de idade, como supostos autores dun delito de roubo con violencia a un taxista na devandita localidade.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos sucederon na madrugada do pasado día 31 de xaneiro, cando tres mozos solicitan o servizo dun taxi de Cambados para que os levara á Illa de Arousa. Cando se atopaban na rotonda de entrada á illa indicáronlle que se dirixise á zona do Pozo onde deixaran estacionado o seu vehículo.
Chegado o momento de pagar o servizo e cando o taxista sacou do seu peto o diñeiro para darlle a volta, o que ía ocupando o asento dianteiro dereito arrebatoullo das mans, mentres os que ían no asento traseiro berrábanlle pedíndolle máis diñeiro e insultándoo, iniciándose un forcexo e logrando darse á fuga os mozos con todo o diñeiro, que segundo a vítima podería ascender a 70 euros.
De todo iso presentou denuncia no Posto Principal da Garda Civil de Cambados, cuxos compoñentes iniciaron inmediatamente as investigacións pertinentes que deron como resultado positivo este xoves coa detención dos supostos autores do feito delituoso.
Os detidos, que carecen de antecedentes policiais, unha vez instruídas as correspondentes dilixencias quedaron en liberdade coa obrigación de presentarse ante o Xulgado de Instrución número catro de Cambados cando para iso sexan requiridos.