A Xunta amplía o perímetro de protección do acuífero termal de Caldas
Por Redacción
A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, vén de autorizar a ampliación do perímetro de protección para a conservación do acuífero do que se abastecen os mananciais e pozos de augas mineromedicinais e termais declarados de utilidade pública no Concello de Caldas de Reis, cuxo aproveitamento teñen recoñecido os balnearios Acuña e Dávila, así como a Fonte das Burgas para uso do pobo.
Presérvase deste xeito un recurso clave para a economía local para que siga creando riqueza e emprego no municipio, garantindo a conservación en calidade e cantidade de todas as augas que proceden do acuífero e evitando as filtracións e a chegada de contaminantes.
Establécese un único perímetro con tres niveis de protección diferentes, contando a zona de restricións medias cunha superficie de 855 hectáreas fronte ás 64 das actuais áreas de protección.
Co obxectivo de garantir a conservación do acuífero, calquera traballo subterráneo que se realice dentro do perímetro de protección deberá contar previamente coa autorización da Xunta.
Nas zonas de restrición media e mínima establécense tamén determinadas limitacións relacionadas con actividades concretas como as relacionadas con residuos perigosos, residuos urbanos ou municipais, ou o almacenamento de residuos radioactivos ou verteduras de almacenamentos profundos, sen que isto afecte ao desenvolvemento doutro tipo de actividades.