Unha parella estafa na compra de cinco vehículos a varios concesionarios pontevedreses
Por Oskar Viéitez
Vivencio e Jenny Jonayra son dous nomes pouco habituais e que dificilmente se lles esquecerán aos responsables de varios concesionarios pontevedreses. A fiscalía especializada en delitos económicos acúsalles de cinco estafas na compra de automóbiles que alcanzarían os 126.375 euros.
Para el pide catro anos de prisión por estafa continuada en concurso con outro delito de falsidade en documento privado e unha multa de 4.500 euros e para ela pide cinco anos de cárcere, aínda que Jenny está en paradoiro descoñecido polo que o xulgado de instrución número 1 de Pontevedra declarouna en rebeldía.
Os feitos, investigados pola Garda Civil e que describe no seu escrito de acusación o Ministerio Público, producíronse o pasado ano na marxe de apenas tres meses.
O primeiro foi en febreiro, nun concesionario de Mourente. Jenny Jonayra A. L. e Vivencio R. O. acudiron ao concesionario interesándose por un Volkswagen Tiguan valorado en 27.771 euros que querían comprar mediante financiamento presentando unhas nóminas "alteradas".
Do todoterreo "soamente abonou as dúas primeiras cotas do préstamo". A Fiscalía puido pescudar que máis tarde foi matriculado en Francia cunha placa de matrícula temporal.
Querían comprar mediante financiamento presentando unhas nóminas "alteradas"
O abril cometeron outras tres estafas. Repetindo este modus operandi, Jenny Jonayra formalizou en Vigo a adquisición dun Honda por 27.389 euros e un Megane por 23.885 euros. Sucedeu en Talleres Rodosa e en Camelias Motor. Non chegaron a abonar nin a primeira cota e os coches tampouco foron recuperados.
De novo acudiron ao concesionario de Volkswagen en Mourente adquirindo un Golf por 27.184 euros, que se atopa matriculado en Francia.
Finalmente, a última das estafas denunciadas tivo lugar en Vilaboa, en Automóviles Filgueira, onde a parella fíxose cun Peugeot por 20.146 euros.