Guerra á 'Isla de la Toja' na autoestrada AP-9
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
As deputadas do BNG, Montse Prado e Ana Pontón, veñen de presentar unha proposición non de lei para o seu debate en Comisión, relativa á deturpación da toponimia oficial de Galicia na sinaléctica da Autoestrada AP-9.
O grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG), afirma que na autoestrada AP-9 téñense colocado recentemente uns paneis informativos antes da saída 119 (AG-41 Cambados-Sanxenxo-O Grove) tanto en sentido Vigo como en sentido A Coruña.
"Nestes paneis non se mantén a toponimia na súa forma propia e orixinal, senón que se lle practica unha deturpación inaceptable", aparecendo no panel as denominacións de Illa da Toxa e Isla de la Toja.
"Non existe ningunha razón que xustifiquen esta deturpación da toponimia oficial de Galiza, por parte do Ministerio de Fomento e da empresa concesionaria da AP-9", aseguran.
Lembran ademáis que se está a vulnerar a legalidade vixente.
Na súa moción o Bloque quere que o Parlamento galego, inste ao goberno da Xunta a dirixirse ao Ministerio de Fomento e á empresa concesionaria da AP-9, "para que de inmediato eliminen" a deturpación da toponimia oficial.