Ponte Caldelas pide á Xunta que habilite tres novas sendas peonís
Por Redacción
Tres sendas peonís solicitou o Concello de Ponte Caldelas á Xunta de Galicia para habilitalas en tramos de estrada de titularidade económica. Serían entre os lugares de A Insua e Silvoso, entre Vilarchán e A Reigosa e en Tourón, segundo confirma o goberno municipal.
Estas tres sendas peonís, segundo o goberno municipal, non só permitirán a vertebración destes núcleos de poboación, senón que se melloraría a seguridade viaria destas transitadas estradas autonómicas, moi utilizadas polos viandantes que as usan nos seus desprazamentos.
Esta proposta contou co apoio do Partido Popular, polo que o alcalde celebra este posicionamento e anímalles a "redobrar e compartir esforzos" para que a Xunta inclúa estas tres sendas no plan autonómico de mobilidade sostible.
"Para o novo equipo de goberno é unha prioridade a vertebración territorial, favorecer a mobilidade e a interrelación veciñal entre os distintos núcleos rurais existentes e que tradicionalmente manteñen unha relación social que se prolongou moitos anos no tempo", destaco Andrés Díaz.
O alcalde entende que coas capacidades actuais das estradas, "máis rápidas, modernas e feitas para os automóbiles", estas precisan de servizos alternativos e integrados no medio natural que favorezan o uso dos peóns con seguridade viaria suficiente para que "non se acaben convertendo nunha trampa mortal por culpa dos atropelos que se producen".