Belas Artes celebra o día do seu patrón, San Ero
Por Redacción
Unha clase de swing e a celebración dun mercadiño abriron a celebración de San Ero, o patrón dos alumnos da Facultade de Belas Artes.
De novo os estudantes sacaron en procesión á figura do seu santo nunha xornada festiva que se prolongou pola tarde con diferentes actuacións musicais.
Unha clase de baile gratuíta, a cargo de Swing On Vigo, e a posta en marcha dun mercadiño no que se podía atopar desde arte, ata comida ou roupa, foron os primeiros actos dunha celebración, que ao longo da xornada continuou con xogos e sorteos, grazas á colaboración de diferentes tendas de Pontevedra, así como cun concurso de disfraces.
A celebración incluiu as actuacións musicais dos grupos Radiador, Rap a golpe de Beatbox, que actúan xunto co estudante Rivoira; La Nona Ora, un grupo integrado por estudantes da facultade; e os vilanoveses San Punkrazio.
DA CELEBRACIÓN Á EXPOSICIÓN
Co gallo da celebración de San Ero, a Delegación de Alumnos promove por segundo ano consecutivo unha exposición colectiva na Casa das Campás, onde amosar os traballos realizados polo alumnado.
Preto de 20 pezas, seleccionadas de entre todos os proxectos presentados á convocatoria que a delegación abriu a todo o alumnado da facultade, integran a exposición conmemorativa que entre o vindeiro luns 25 e o venres 29 se poderá visitar na sede da Vicerreitoría do campus.