A Xunta mellorará a seguridade viaria da PO-232 antes de finais de ano
Por Redacción
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez e o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, analizaron as obras que se van a acometer por parte da Xunta neste concello. Na estrada PO-232 iniciaranse este verán e calculan que finalizarán antes de que termine o ano. Vázquez indicou que estas obras foron licitadas a principios deste mes e poderán comezar nos próximos meses para coincidir con días sen choiva.
Ethel Vázquez indicou que levará a cabo o reforzo do firme na estrada PO-232, que vai de Carballedo ata San Xurxo de Sacos. Nesta vía realizaranse tarefas de fresado e reposición do firme en puntos localizados, ao longo de case 10 quilómetros, cun investimento total de máis de 154.000 euros.
Ademais, Vázquez e Cubela abordaron os itinerarios presentados como prioritarios polo Concello de Cotobade para afrontar na segunda fase do Plan de Sendas que está a deseñar a Xunta.
A conselleira lembrou que o obxectivo é executar as sendas peonís e ciclistas de maneira que se adecúen ás necesidades reais dos cidadáns, para o que reclama a colaboración por parte dos concellos.