Carmela Silva considera un "insulto" a defensa do PP da xestión dos fondos europeos
Por Alejandro Espiño
A Carmela Silva sorprendeulle dunha forma "desagradable" que o Partido Popular non asumise o seu erro na xestión dos fondos europeos e non pedisen desculpas por facer perder á Deputación de Pontevedra 10 millóns de euros. En lugar diso, dixo, os populares "saen con mentiras" e responsabilizando ao actual goberno da situación, instándolles a que certifiquen os fondos que faltan para evitar perder ese diñeiro.
"É un insulto gravísimo e unha falta de respecto terrible", sinalou a presidenta provincial a preguntas dos xornalistas.
Carmela Silva lembrou que non é o goberno provincial senón o Ministerio de Facenda e a oficina europea de loita contra a fraude os que certifican que na xestión destes proxectos hai "graves irregularidades".
Neste sentido, apuntou que a Unión Europea leva investigando a xestión dos fondos europeos por parte do goberno de Louzán desde o ano 2013 e haberá máis resolucións similares, augura, que "tristemente teremos que ir contando" con respecto doutras iniciativas.
A presidenta da Deputación explicou que nos últimos meses o goberno provincial tentou salvar os fondos que a UE destinara a estes proxectos, mediante a presentación de alegacións, recursos e reunións en Madrid.
"Intentamos defendelos pero nos dixeron unha e outra vez que eran indefendibles", reiterou Silva, que engadiu que a tramitación destes proxectos foi "infumable".
Esta situación fai extensible á outra "herdanza recibida", a que xestionan a diario con fondos e proxectos propios, dos que "cada día" xeran recoñecementos extraxudiciais de crédito por facturas impagadas ou contratos que aumentaron a súa contía inicial.
"Así a xente non cre na política, por culpa de políticos deste nivel e deste calado", concluíu a presidenta provincial respecto dos portavoces do PP provincial.
Relacionadas:
-
Carmela Silva quere que o PP se desculpe por facer perder á Deputación 10 millóns do seu financiamento
Por Oskar Viéitez |
-
O IFEVI reclama á Deputación 103.000 euros en facturas impagadas da época de Louzán
Por Alejandro Espiño |
-
Para o PP, se estivesen gobernando a Deputación os fondos europeos "non se perderían"
Por Alejandro Espiño |
-
Duro golpe á Deputación: perden 10 millóns da UE por "graves irregularidades" do goberno de Louzán
Por Alejandro Espiño |