Poio pide un anticipo á Deputación para financiar diversos investimentos
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra concedeu un préstamo de 72.649 euros ao Concello de Poio, diñeiro que a administración local destinará para financiar diversos investimentos.
O acordo de transferencia de fondos aprobouse este venres na xunta de goberno celebrada no Pazo Provincial de Pontevedra.
O préstamo articúlase a través da Caixa de Anticipos do ente pontevedrés e o capital poderase reintegrar cun interese cero, segundo explicou a presidenta provincial, Carmela Silva.
Do mesmo xeito que Poio outros concellos acolléronse a esta fórmula de financiamento.
A función dos anticipos é a cooperación financeira coas entidades locais da provincia, concedéndolles préstamos para investimentos, especialmente aqueles destinados ás obras incluídas en plans provinciais.
Os anticipos concédense a longo prazo, por un máximo de 15 anos, e para operacións de tesourería, por 2 anos. En canto ó límite absoluto para a súa concesión é de 400.000 euros e o porcentual ascende ó 80 % do total do orzamento.