"Baby boom" na escola infantil de Cotobade
Por Oskar Viéitez
Na escola infantil de Cotobade medrou a solicitude de matrícula ata preto dos 40 cativos para o vindeiro curso escolar, segundo os datos ofrecidos polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar durante a visita do seu xerente, o ex alcalde de Ponte Caldelas Perfecto Rodríguez e o rexedor local de Cotobade, Jorge Cubela, para ollar as instalacións e comezar a preparar o vindeiro exercicio.
Deste xeito, a gardería cotobadesa rexistrou un total de 38 solicitudes, todas elas admitidas e sen lista de agarda, tras un lixeiro incremento con respecto ás 36 do presente curso e moi significativo en comparación coas 22 contabilizadas no curso 2014/2015. Ademais, cabe sinalar que este dato reflicte e refrenda o ascenso da natalidade detectado no último padrón municipal, no que Cotobade foi un dos 46 concellos galegos que subiu poboación.
Nesta liña, a escola infantil de Cotobade é unha das que presenta unha maior cifra de matrícula entre os concellos cunha poboación similar na contorna de Pontevedra. Así, as solicitudes de matrícula en Cotobade son superiores ás de Ponte Caldelas (33 admitidos e 4 de agarda) ou Campo Lameiro (13).
A gardería conta cun cupo máximo de 74 cativos.