Iceta en Pontevedra pide ao PSdG que "hagan piña" co candidato elixido polos militantes
Por Alejandro Espiño
Fíxose coñecido en toda España ao ritmo do Don't Stop Me Now de Queen co que animaba todos os seus mitins na campaña das últimas eleccións catalás pero desde hai tempo Miquel Iceta é unha das voces máis autorizadas dentro do PSOE. Por iso, a agrupación socialista de Pontevedra quixo contar co político catalán para protagonizar un acto de debate sobre a situación política nacional.
O Café Moderno foi o lugar elixido para celebrar esta mesa redonda na que, como non podía ser doutra maneira, Cataluña tivo un protagonismo especial.
Neste sentido, o líder do PSC espera que destas novas eleccións xerais do 26 de xuño salga por fin das urnas, un goberno que "abra un escenario de diálogo" para remodelar o estado das autonomías e reformar a Constitución española. Desa forma poderase, dixo, ofrecer unha alternativa "mucho mejor a la independencia". E ese goberno ha de estar presidido, segundo a súa opinión, por Pedro Sánchez.
Pero tamén a situación de Galicia foi analizada por Iceta. En pleno proceso de primarias para elixir o seu candidato á Xunta, o político catalán espera que o PSdeG-PSOE "lleve bien" este escenario e que o partido "haga piña" co candidato que resulte elixido polos militantes porque se trasladan a unha imaxe de enfrontamento interno, sinalou, "los ciudadanos no confiarían en nosotros".
O líder dos socialistas cataláns engadiu que nos partidos políticos "ha de haber debate y competencia" pero tamén "cohesión", polo que espera que para as eleccións galegas os socialistas teñan solucionado a súa "disputa interna" que, en todo caso, ve como un "factor de riqueza" na política.
Iceta asegurou que nun partido "grande y democrático" que pretende acoller "distintas" sensibilidades políticas, é "lógico" que se vexa inmerso en procesos "competidos" para a elección dos seus liderados, nos cales haxa "más de un candidato".
"Quizá visto desde fuera da la sensación de ruido, barullo y lío cuando lo que debería dar es la sensación de más democracia y riqueza", engadiu Miquel Iceta, que destacou que "siempre confiaré más en partidos que sean democráticos que en aquellos en los cuales solo funcione el ordeno y mando o el dedazo del jefe de turno".