Unha ruta entre a Illa das Esculturas e Bora estreará o programa deportivo Ponte Verde
Por Alejandro Espiño
Unha ruta entre a Illa das Esculturas e Bora estreará unha nova iniciativa deportiva en Pontevedra. Trátase de Ponte Verde, un programa que pretende organizar 'andainas' por diferentes parroquias da cidade para que os participantes poidan iniciarse na práctica do deportiva dunha maneira "relaxada e tranquila", segundo a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, á vez que gozan do medio natural do municipio.
A primeira das catro rutas realizarase o vindeiro domingo 29 de maio, a partir das dez da mañá. Será un percorrido circular duns 13 quilómetros e que ten unha dificultade "media-baixa", destacaron os seus organizadores, Pablo Díaz e Juan Romero.
Haberá prazas limitadas aos 100 primeiros que se inscriban en ponteverde.pontevedra.gal. É de carácter gratuíto e os participantes irán acompañados de varios monitores, de forma que cada grupo poida levar o ritmo que considere oportuno.
Cada unha das rutas de Ponte Verde, que se irán presentando sucesivamente, quedará sinalizada cuns indicativos de dirección que inclúen un código QR para dispositivos móbiles, que achegará información técnica sobre a ruta, a localización ou os puntos de interese que hai nas súas proximidades.
Tras esta ruta inicial, a sinalización non se retirará para que calquera poida realizala fóra da actividade programada.
Ademais, estas 'andainas' irán acompañadas cunha serie de conferencias nas que se resolverán dúbidas a todo aquel que queira introducirse na práctica do deporte. Nela analizaranse aspectos como a preparación física, a alimentación ou o calzado máis adecuado.
A primeira destas conferencias será o vindeiro luns 23 de maio, ás sete e media da tarde, no centro cultural de Monte Porreiro.