Cruz Vermella anima os pontevedreses a dedicar parte do seu tempo libre ao voluntariado
Por Redacción
Cruz Vermella en Pontevedra comezou unha campaña de incorporación de novos voluntarios, baixo o lema "O voluntariado un boomerang de vida e volta: lánzate" co obxectivo de promocionar o voluntariado como unha vía de participación social de fácil acceso.
As accións da campaña deron comezo no mes de maio coa colocación dunha caseta informativa na Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación do campus de Pontevedra e vanse a estender ao longo do mes de xuño coa realización de varias accións de divulgación.
Para comezar van repartir información sobre o voluntariado a través dunhas mesas colocadas na alameda de Marín na entrada do acceso ao mercadiño o xoves 2 de xuño de 11 a 13 horas e continuarán o venres 3 na Praza da Peregrina en Pontevedra de 12 a 14 horas. Ademais estase facendo chegar a información aos diferentes institutos e entidades da cidade, Biblioteca Municipal, FAMPA, Asociación de Amas de Casa de Pontevedra, colexios profesionais, entre outros.
Pretenden ampliar o número de persoas voluntarias maiores de 55 anos
Os destinatarios son aquelas persoas maiores de 16 anos, con inquedanzas sociais e que dispoñan de varias horas libres á semana. Ademais, non fai falta ter un perfil específico, xa que a institución facilita aos seus voluntarios a formación necesaria para o correcto desenvolvemento da súa actividade. Principalmente pretenden ampliar o número de persoas voluntarias maiores de 55 anos, que dispoñen de gran cantidade de tempo libre e ofrecen un bo nivel de responsabilidade e compromiso.
Actualmente a asemblea de Pontevedra conta coa colaboración dun equipo de voluntariado activo de máis de 500 persoas que cada día participan dunha forma solidaria e altruísta no desenvolvemento dos diferentes programas de acción que atenden a máis de 10.000 pontevedreses.