A DXT intensifica ata o día 12 os controis de alcol e drogas nas estradas da provincia
Por Redacción
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) poñerá en marcha este luns, día 6 de xuño, unha campaña especial de control da taxa de alcoholemia e de consumo de drogas entre os condutores que se estenderá ata o domingo día 12.
Axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán, durante toda a semana, os controis deste tipo a condutores nas estradas da provincia. Igualmente, potenciarase a colaboración cos concellos para realizar estas actuacións en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de lecer nocturno.
No inicio desta campaña a Delegación do Goberno lembrou que o alcol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes de circulación con vítimas mortais, e a súa presenza na condución multiplica entre 2 e 15 veces os riscos de sufrir un sinistro.
A pesar de que a DXT detectou nas súas últimas campañas un cambio no comportamento dos cidadáns que supuxo un descenso significativo dos positivos detectados, non se eliminou o risco, recoñecen.
Á parte do alcol, evidenciouse que a presenza de drogas no organismo afecta as capacidades para unha condución segura, polo que o consumo de sustancias psicoactivas será tamén obxecto de control.
O pasado ano, na mesma campaña especial realizada no mes de xuño, Tráfico realizou 6.469 probas de alcoholemia nas estradas pontevedresas, nas que se rexistraron 88 positivos. No caso das drogas realizáronse 39 probas con 17 resultados positivos.