Un grafiti para chamar a atención dos pontevedreses sobre a Des-Igualdade Global
Por Mónica Patxot
Ao longo destes días as ONGD galegas Asociación Galega de Reporteiros Solidarios e Asemblea de Cooperación pola Paz programaron unha serie de actividades co obxectivo de poñer en valor a cooperación como ferramenta de transformación social a nivel mundial.
Unha das primeiras iniciativas para converter á Boa Vila no epicentro do debate sobre a Des-Igualdade Global, foi a realización dun grafitti sobre un mural na Praza da Peregrina por parte de Vella Escola.
A xornada deste luns tamén incluíu a primeira charla na que se expuxeron as especialidades que desde Galicia se ofrecen para voluntariado de cooperación.
O martes será na praza de Barcelos onde os nenos realizarán un mural cunha mensaxe a prol da igualdade dos pobos e comezarase a gravar un vídeo que recollerá a opinión da cidadanía pontevedresa sobre a crise das persoas refuxiadas.
Na tarde do martes seguirase cunha andaina para toda a familia pola rúas da cidade na que a xente de Feitoría Verde analizará os valores que transmite a urbe en temáticas como o xénero, a diversidade ou o medio ambiente.
Rematará a xornada cun cinefórum sobre protección ambiental en Guinea Ecuatorial coa proxección do documental El Secreto del Bosque ás oito da tarde na Casa da Luz.