Ana Pastor leva para o Adif á directora de Mobilidade da Deputación
Por Oskar Viéitez
A ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, deu un golpe de autoridade substituíndo ao ata agora director xeral da empresa pública Adif Alta Velocidade, Javier Gallego, por Isabel Pardo de Vera, que ata agora era xefa do servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra.
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, presumira o pasado mes de febreiro durante a súa presentación do altísimo nivel profesional que supoñía esta fichaxe para o equipo técnico provincial. Do mesmo xeito pensou Ana Pastor ao repescar para o seu ministerio á que xa fora xerente de Adif para Galicia.
E que pasa co seu cargo na Deputación? Con certa retranca desde o equipo de goberno provincial apuntan que a contratación por parte do Adif da ata agora directora de Mobilidade da Deputación "demostra que a nosa fichaxe era acertada". Máis en serio, aclaran que Isabel Pardo de Vera causa baixa do cargo provincial que ocupaba. Trátase dun posto directivo que foi cuberto despois dun procedemento aberto mediante convocatoria pública.
En todo caso, puntualizan que ao estar o goberno en funcións, e ante a posibilidade de que o novo executivo que saia das urnas non queira mantela no cargo, a Deputación de Pontevedra estaría disposta a repescarla.
Por que Ana Pastor fai esta fichaxe agora? Este golpe de man pretende atallar o conflito político de primeiro nivel que se vive no Adif, derivado das tensións xeradas pola pretensión dos contratistas do AVE de exercer o cobro multimillonario de sobrecustos sobrevindos fronte ás restricións impostas desde Facenda.
Isabel Pardo toma as rendas da xestión da rede de máis de 3.000 quilómetros de liñas de alta velocidade actualmente en explotación, a segunda maior do mundo, e tamén das que actualmente se atopan en construción e que afronta distintos problemas nalgúns dos seus tramos.
Relacionadas:
-
A Deputación ficha dous enxeñeiros da Xunta para dirixir o departamento de mobilidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Queres dirixir o servizo de mobilidade provincial? A Deputación saca a concurso a praza
Por Redacción |
-
A ex xerente de Adif en Galicia, Isabel Pardo de Vera, é a nova directora de Mobilidade da Deputación
Por Oskar Viéitez |