As motos volverán invadir Marín os días 1, 2 e 3 de xullo
Por Redacción
A asociación Free Bones Bikers organizará, os próximos días 1, 2 e 3 de xullo, a undécima edición da concentración moteira Vila de Marín.
Será unha fin de semana chea de actividades de todo tipo dirixidas tanto aos moteiros como a todo o público en xeral que queira achegarse ata Marín eses días.
A programación iniciarase o venres 1 de xullo pola noite con concertos dos grupos Green Envy e Desconcerto.
O sábado será o día grande cunha exhibición de stunt a cargo do rider portugués Acuko, o cal repetirá acrobacias o domingo pola mañá.
Tamén haberá distintos xogos e actividades durante toda a xornada e celebrarase o primeiro show Bike Free Bones, que consiste na exhibición de concurso de motos transformadas en maior ou menor medida, dotándoas dunha personalidade única.
Os organizadores contan coa presenza de preparadores tanto nacionais como internacionais, con premios en dúas categorías: 200 euros á elixida mellor custom e outros 200 euros á elixida a mellor café racer.
Durante toda a fin de semana, espérase a chegada de máis de 2.000 moteiros, os cales poderán inscribirse no evento por 15 euros. O prezo inclúe caña de benvida, a cea do sábado, o almorzo do domingo, unha camiseta conmemorativa, a participación nos distintos sorteos que levarán a cabo e a degustación de aperitivos que se irán realizando durante o evento.