A Garda Civil pilla unha ladroa que desvalixou en dúas ocasións unha vivenda de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil investiga a G.M.G., de 38 anos de idade e veciña de Redondela, como suposta autora dun furto continuado de numerosos efectos nunha vivenda de Ponte Caldelas.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os días 2 e 16 de maio pasado o propietario dun vivenda, situada na Insua presentou senllas denuncias nas dependencias do Posto da Garda Civil de Ponte Caldelas, manifestando que alguén accedera ao interior da súa casa pola porta da cociña que non estaba pechada e aproveitando a súa ausencia, apoderouse en dúas ocasións de numerosos efectos, algúns deles dun alpendre encostado ao domicilio.
O botín estaba composto por unha rozadora, unha formigoneira eléctrica, dúas rodas dianteiras dunha furgoneta, un quentador de butano, unha motoserra, un trade, dúas bicicletas de montaña e un equipo de surf, entre outros obxectos de valor.
As investigacións realizadas por efectivos do Posto da Garda Civil de Ponte Caldelas frutificaron coa identificación de G.M.G., veciña de Redondela, que é investigada como suposta autora dos furtos que se rexistraron na devandita vivenda.
As dilixencias instruídas serán entregadas no Xulgado de Instrución de garda de Pontevedra, onde terá que comparecer a investigada cando para iso sexa requirida.