A Audiencia reserva tres días para xulgar catro acusados de tráfico de drogas entre Vilagarcía e A Coruña
Por Natalia Puga
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra reservou tres días da próxima semana, entre o martes 21 e o xoves 23, para xulgar a catro persoas acusadas de dedicarse á venda de cocaína, dúas delas tras ser detidas cando transportaban 682 gramos desta sustancia entre Vilagarcía e de Arousa e A Coruña. Ademais, outras dúas persoas están procesadas como responsables civís.
O fiscal solicita que A.P.S., R.F.V., A.B.R. e X.F.A. sexan condenados a cinco anos de prisión cada un como autores dun delito contra a saúde pública e ao pago dunha multa que para os tres primeiros ascende a 200.000 euros, pero no caso de X.F.A. quedaría en 24.000. Os outros dous procesados, A.R.L. e ML.R.F., están neste proceso en concepto de responsables civís como titulares de vehículos -un Volkswagen Golf e unha motocicleta Yamaha- utilizado polos outros acusados para cometer os seus delitos.
Os feitos remóntanse a hai preto de dez anos, o 23 de decembro de 2006, cando A.P.S. concertou unha cita con R.F.V. para adquirir unha cantidade indeterminada de cocaína que ía destinar ao seu tráfico ilícito entre os consumidores finais do produto. Para iso, desprazouse ata Vilagarcía nun Golf a nome da súa parella e en compañía de A.B.R.. Unha vez que os imputados intercambiaran a droga polo diñeiro segundo o acordo alcanzado, A.P.S. e A.B.R. iniciaron a viaxe de regreso á Coruña precedidos polo propio R.F.V., que viaxaba a bordo dunha moto Yamaha que estaba a nome da súa noiva coa finalidade de poder detectar unha posible presenza policial.
A Garda Civil detívolles sobre as 18.20 horas dese día na autoestrada AP-9 e nun rexistro do Golf localizaron un paquete con 114,900 gramos de ácido bórico (sustancia habitualmente utilizada para o corte, ou adulteración e incremento do peso da cocaína) e tres paquetes cun total de 870,2 gramos de cocaína de distinta pureza que poderían alcanzar no mercado ilícito o prezo de 82.504,93 euros.
O fiscal considera que o cuarto acusado, X.F.A., encargábase habitualmente de gardar a droga e participaba na ganancia obtida coa súa venda ilícita. No seu domicilio realizouse un rexistro no que a Garda Civil localizou catro paquetes con 186,777 gramos de cocaína de distinta pureza que alcanzaría no mercado ilícito o prezo 8.273,6 euros.
Tamén se lle interviñeron diversas anotacións sobre nomes e cantidades, 610 euros en efectivo, unha báscula dixital electrónica, e distintas cantidades de ácido bórico e cafeína, sustancias habitualmente utilizadas para o corte da cocaína para así incrementar fraudulentamente o seu peso e obter un maior beneficio coa súa venda.