Poñen en marcha incentivos para a contratación dos recén titulados de FP
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, anunciaron este lunes en Pontevedra a posta en marcha dun novo programa para impulsar a inserción laboral na formación profesional, do que se poderán beneficiar "como mínimo" 1.400 estudantes e outras tantas empresas.
Nunha visita ao Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) A Xunqueira de Pontevedra explicaron o contido deste acordo de colaboración para "favorecer a empregabilidade" dos titulados de FP, que poderán ter un contrato de traballo na empresa onde realizaron a Formación en Centros de Traballo (FCT) tan pronto obteñan o título.
Román Rodríguez valorou esta iniciativa coma "un novo impulso" á formación profesional, no que a Xunta "exerce de ponte directa" entre o sistema educativo e o mercado laboral, "asegurando un posto de traballo para o alumnado unha vez rematen os seus estudos".
Ademáis destacou que este programa "beneficiará tanto a alumnos como empresas".
ATA 8.200 EUROS DE AXUDA
As empresas que se acollan a este programa recibirán incentivos á contratación que poden chegar ata os 8.200 euros, dependendo do tipo de contrato.
Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou que este acordo "dá resposta a unha demanda das propias empresas" onde os alumnos de FP desenvolven as súas prácticas para que poidan obter un contrato laboral.
Para levar a cabo esta iniciativa, o goberno galego, tal e como apuntou Conde, investirá un total de 3,5 millóns de euros en incentivos á contratación indefinida ou temporal. Este crédito será ampliable segundo a demanda. A Xunta tamén apoiará a transformación dos contratos temporais en indefinidos.
PRAZO ABERTO
O prazo para optar a estas axudas xa está aberto e rematará o próximo 30 de setembro. A estes apoios sumaranse, ademais, segundo afirmou Conde, as bonificacións das cuotas á Seguridade Social que poderán ser de ata o 100%.
O programa comezará a andar a principios do mes de xullo, unha vez que os equipos de orientación dos CIFP reciban a formación específica para desenvolver o proxecto. Por tanto, poderá participar tanto o alumnado que este curso remata a FCT, co requisito de que pasen 30 días desde a finalización das súas prácticas, como titulados doutros anos.