O alumnado do instituto Johán Carballeira traslada ao alcalde o seu proxecto de remodelación do skate park
Por Redacción
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, reuniuse este luns cun grupo de alumnos de segundo de secundaria do instituto Johán Carballeira, para tratar un futuro proxecto de remodelación do skate park sito nas Lagoas e a creación dun novo módulo específico.
O alumnado púxose en contacto co alcalde da vila a través dunha instancia entregada en rexistro, e xa se mantivo outra reunión fai dúas semanas na que se lle trasladaron a Juncal as deficiencias detectadas neste módulo das Lagoas.
Tras este encontro, o alcalde 'encargou' aos rapaces a confección dun proxecto concreto, que trouxeron ben elaborado e preparado para o encontro deste luns.
Acompañados da directora, Asun Soñora, e da titora, Lucía Durán, os seis alumnos presentaron un documento cunha serie de planos técnicos coas posibles alternativas para a remodelación da pista actual e a construción dunha estrutura nova noutra zona.
O alcalde comprometeuse a ter en conta a súa proposta de remodelación e a trasladarlle á Xunta de Galicia o proxecto para acometer as obras dunha nova pista nos terreos próximos ao instituto, os cales xa foran cedidos polo Concello ao ente autonómico para mellora das súas instalacións.