O tripartito estuda medidas legais contra Telmo Martín pola sentenza da finca Rocafort
Por Redacción
O goberno municipal de Sanxenxo está decidido a non quedar de brazos cruzados ante a sentenza que obriga ao Concello a pagar tres millóns de euros á familia Rocafort en concepto de expropiación por unha parcela situada nas proximidades de Silgar.
O primeiro paso será a contratación dunha auditoria que analice ao detalle o expediente urbanístico da parcela da familia Rocafort, derivado da vinculación desta pequena leira co desenvolvemento do Chan Urbanizable número 20.
O Concello quere esclarecer todo o concernente a este caso, xa que considera que houbo múltiples opcións para resolver a expropiación desta parcela recollida nas normas subsidiarias de 1990, aprobadas por un goberno do Partido Popular.
O PXOM, con todo, contempla esa zona verde como unha cesión pública adscrita ao desenvolvemento do devandito chan urbanizable, outorgándolle un valor construtivo engadido do que carecía ata ese momento.
O recollido no PXOM, alegado polos propietarios, foi a opción defendida polo entón alcalde Telmo Martín, que mantivo a pesar da oposición xudicial dos lexítimos donos desta parcela, que lograron no ano 2011 que un tribunal recoñecese o seu dereito a non estar vinculados a desenvolvemento algún.
Tamén nese momento, o goberno local tivo a posibilidade de establecer unha negociación que impedise a xudicialización da expropiación. Cabe lembrar que a pesar de que a leira está cualificada como zona verde desde 1990 con obrigación de expropiación, a familia Rocafort espera 23 anos, ata 2011, para primeiro pedir e logo esixir que se execute dita expropiación.
Non houbo por tanto intención algunha, segundo o actual executivo de Sanxenxo, de negociar unha saída vantaxosa para as arcas municipais "e máis ben desde o goberno popular abocouse o proceso a un expediente xudicial, longo e custoso", que deu como resultado unha sentenza demoledora para os intereses do Concello.
Encargarán aos servizos xurídicos un informe que determine se cabe esixir a Telmo Martín, "artífice material da orixe deste problema", responsabilidade patrimonial
O goberno municipal espera que a valoración do xurado de expropiación de 3.010.000 euros poida ser rebaixada a través do recurso de casación ante o Tribunal Supremo, pero advirten que o informe presentado por goberno do PP, que valora a leira en 2,6 millóns, "limita moito a posibilidade dunha sentenza definitiva favorable aos intereses dos veciños de Sanxenxo".
A auditoría pretende pois "chegar a esclarecer cales foron os motivos que levaron ao Partido Popular a actuar neste tema da forma máis prexudicial para os intereses de Sanxenxo", sinalan desde o Concello.
Por iso, encargarán aos servizos xurídicos un informe que determine se cabe esixir a Telmo Martín, "artífice material da orixe deste problema", responsabilidade patrimonial.
O goberno local está convencido de que foi a vinculación co chan urbanizable número 20 o que fixo que o prezo determinado polo xurado de expropiación fose de 1.676 euros o metro cadrado, 4,5 veces superior ao pago por Punta Vicaño, onde o prezo foi de 375 euros/m2 nun dos momentos máis álxidos da construción en Sanxenxo.
"Adoptaremos as medidas legais ao noso alcance no caso de que a auditoría determine que poden esixirse responsabilidades a quen coas súas decisións aboca ao Concello ao pago de sentenzas millonarias que hipotecan o futuro económico de Sanxenxo e condenan aos veciños a non dispoñer de investimentos en obras que son prioritarias", conclúe o comunicado distribuído polo goberno tripartito.
Relacionadas:
-
Como vai a pagar Sanxenxo a sentenza dos irmáns Rocafort?
Por Redacción |
-
Por que o tripartito de Sanxenxo agradece a Telmo Martín a súa valentía?
Por Oskar Viéitez |
-
Telmo Martín propón facer un aparcadoiro soterrado "sen que custe un euro aos veciños" na finca dos Irmáns Rocafort
Por Oskar Viéitez |
-
Culpan a Telmo Martín do "encarecemento brutal" do valor da leira dos Irmáns Rocafort
Por Redacción |
-
O PP considera unha "memez" pedirlle a Telmo Martín que dimita
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo chega ata o Tribunal Supremo para evitar pagar tres millóns á familia Rocafort por unha leira
Por Redacción |